Antonio Uxío Mallo

Antonio Uxío Mallo nace en Vigo (1935), pero bota a sua infancia en Bos Aires, onde se inicia na guitarra da man do mestre Pablo Escobar e onde debuta como concertista á idade de 7 anos. De contado pasa a estudar con Carmelo Rizzuti, e recebe leccións da notábel e coñecida intérprete María Luisa Anido, intervindo con frecuencia na ricaz vida cultural da cidade, en emisións radiofónicas e ilustrando musicalmente recitais poéticos e representacións teatrais (sempre acolleu esta última actividade con especial agrado, e cabe lembrar que a sua derradeira intervención pública como intérprete, no 1996, tivo lugar no teatro García Barbón de Vigo, poñendo fundo musical a un acto en homenaxe de García Lorca). Retornado a Vigo na adolescencia, remata o bacharelato no colexio dos Xesuítas e comeza en Santiago de Compostela a carreira de Medicina (participa activamente na tuna), que abandona xa ben adiantada. Nese trance de ruptura inicia un periplo europeu, á motivación do cal contribúen os desexos de sair da afogante atmosfera española do momento, a atracción polas tendencias culturais que preludiaban o maio francés do 1968 e un cinasquiño de paixón bohemia.

No 1962 afinca en París, onde se diploma en Psicoloxía da Arte por L’Ecóle Pratique des Hautes Etudes, cunha tese sobre de Valle Inclán, da que logo ha extraer varios fragmentos que publica na revista galega Grial. En París é onde nace o seu fervor pola historia e bibliografía da guitarra, ámbito no que ha ir atesourando unha crecente e notábel erudición que endexamáis deixou de medrar. Alí comeza asimesmo a sua carreira pedagóxica, que exerce en varios centros sociais, Maisons de la Jeunesse et de la Culture e Conservatorios, dirixindo en varias ocasións os Stages Techniques de la Guitare Classique que o Ministerio de Cultura francés organiza en diversas cidades e vilas do país. Combinando as dimensións de intérprete e historiador, nun xénero que sempre cultivou con agarimo e éxito, oferece numerosas conferencias-concerto non só en Francia, senon tamén en Inglaterra –onde gosta de demorar por tempadas para se desintoxicar de grandeur, como el di–, nos Países Baixos, Alemania e as terras da Escandinavia. París foi, ao cabo, o catalizador dun romántico noivado que chegou a voda en Galiza, con céltica cerimonia celebrada mirando o solpor nos rochedos de Baiona. Non durou. E a guitarra foi, dalí endiante, o seu centro de gravidade paixonal.

 

O seu repertorio, coma o de tantos guitarristas do momento, comeza sendo claro debedor da liña estética de Andrés Segovia, en quen admira o culto ás sonoridades, sen concordar totalmente, porén, no seu tratamento da música prerromántica. Na sua andaina europea acentúa, por razóns de enxebrismo, as dimensións daquela máis esperadas na spanish guitar: Tárrega, Pujol, Albéniz, Falla, Granados, Malats, Turina, Moreno-Torroba… Mais sempre distou de se restrinxir a este ámbito, nen a outros. Ao longo de toda a sua traxectoria pon de manifesto unha definida preferencia pola música do romantismo ou de pulso romántico, tendo as críticas salientado repetidamente a sua expresividade a este respeito. Pero gosta asimesmo dos laudistas e virxinalistas ingleses (Dowland, Tallis, Byrd…), dos vihuelistas ibéricos (Mudarra, Narváez, Tomás de Santa María…), do barroco (o Vivaldi dos concertos para laúde, o Bach das suites para o mesmo instrumento, o xa máis adiantado Boccherini dos quintetos con guitarra…), e acolle con pracer o postromantismo de pendor neoclásico (Rodrigo, o Mompou da Suite compostelana, Castelnuovo-Tedesco, Ponce, algún Dodgson…) ou de acentos neofolclóricos, onde mira moito a Sudamérica (Barrios, Ginastera, Villa-Lobos, Lauro, Piazzola…). Non o comprace especialmente o abandono da tonalidade, pero celebra con calor a extensión do repertorio para guitarra que chega por este vieiro, e amiúde inclúe nos seus programas compositores como o Brouwer máis ousado, ou Marco, ou Benguerel… De feito, ten estreado obras tan abertas como os Tres gráficos para guitarra, que o malogrado Enrique Xeraldo Macías compuxera específicamente para el no ano 1977.

 

No 1975 reafinca en Vigo, cidade que xa non ha deixar e na que inicia unha intensa actividade didáctica e divulgadora da guitarra, que ha caracterizar de maneira acusada a sua persoalidade musical até o seu pasamento. Entra en contacto coa Orquestra de Cámara viguesa, e con ela intervén en diversas ocasións –é o primeiro guitarrista galego en actuar como solista con orquestra– interpretando concertos de Vivaldi e Carulli, así como dous dos quintetos con guitarra de Boccherini. Traballa durante un breve periodo en labores de musicoterapia, e algo máis adiante dirixe a Coral de Candeán. No periodo 1980-84 é profesor de guitarra no Conservatorio de Vigo, e no 1983 inaugura –coa pianista e cravista Blanca Lorenzo– a Escola Aberta de Música, que ha prolongar por máis dunha década a vida da máis querida angueira de Mallo por estes tempos: a Agrupación Guitarrística Galega (AGG), que fundara no 1977.

 

Nace a AGG pola converxencia arredor de Mallo dun grupo de guitarristas amadores e profisionais. El oferece a sua casa da Gran Vía a modo de local social, e un ben nutrido círculo de xentes da música fai uso dela –de maneira máis constante do que periódica–, reuníndose alí para tocar, intercambiar partituras e coñecementos, crear un fundo para a subscripción a revistas especializadas, debater ideas e comentar novidades. As reunións acaban por se estabilizaren –sen detrimento das tertulias máis ventureiras– baixo a forma de xuntanzas mensuais. A actividade diversifícase e de contado atrae –eran tempos de inquedanza cultural– numerosos afeccionados doutros lugares, animando ao colectivo a solicitar estatuto de sociedade legal, que consegue en 1978. A Agrupación organízase nunha serie de Centros Locais (Vigo, Lugo, A Coruña, Ourense, Compostela, Pratteln, en Suiza), cada un con cadansúa directiva. Mais tamén hai membros non vinculados a centros concretos en moitas vilas galegas, e socios correspondentes fóra de Galiza. O conxunto é dirixido por un Centro Coordinador elixido en asemblea anual que rota polos diferentes centros locais, e que nunca deixou de ratificar a presidencia de Mallo.

 

A Agrupación acomora axiña unha partiteca e unha biblioteca guitarrística, monta grupos de traballo e organiza numerosos recitais públicos, individuais e colectivos, por toda Galiza. De preferencia realizados en lugares de interese arquitectónico (igrexas, museus, pazos, ermidas, castelos, casais…), pasan moito dos 200 na vida da sociedade, e ten interese repasar hoxe intérpretes e repertorios nos programas, para ter unha idea do movemento, os seus parceiros e a sua estética, salientando a intervención de Mallo en máis das tres cuartas partes das actuacións. A sociedade organiza asimesmo dous intensos e concorridos congresos: o Symposium de Creación Artística encol da Guitarra (Vigo, 1-15, novembro, 1978), e o Symposium III Cabodano (Vigo, 4-13, xaneiro, 1980), nos que se oferecen concertos, exposicións de pintura e escultura alusivas á guitarra, teatro, recitado poético, conferencias, mesas redondas e até mostras filatélicas con iconografía musical. Tamén realiza unha montaxe itinerante, vella teima de Mallo: Evolución histórica da Guitarra (Vigo, Lugo, A Coruña e Compostela, 1980), na que colaboran Ministerio de Cultura, Vicerreitorados de Extensión Universitaria e luthiers como J. Estruch. A montaxe farase logo modelo reiteradamente reproducido en actuacións solcitadas por círculos, ateneus, casas da cultura e outras numerosas asociacións culturais do país.

 

O padroado da AGG acolle tamén varios cursos de guitarra (barroca, clásica, jazz) e dá o pulo xerador a varios certames, entre os que amerita mención o Concurso Internacional de Ourense, que pasou logo da sua cuarta convocatoria a se institucionalizar baixo a organización da Deputación Provincial. En xullo do 1979 estréase en Vigo o primeiro concerto de compositor galego para guitarra, frauta e orquestra de cámara: Anceio, Op. 24, de Daniel Quintas –daquela director da Orquestra de Cámara de Vigo–, que o dedica precisamente á Agrupación. Mais o espírito un chisco goliardesco de Mallo inspirou igualmente outras actividades ricas en dimensións máis contraculturais e rexoubeiras. Vaian como exemplos tres sarcásticas convocatorias dos Premios da Contracrítica (aos persoeiros máis nefastos para a cultura musical do país), os Recitais de Desagravio á Cultura (coincidindo cos partidos do Campionato Mundial de Fútbol celebrados en Vigo) ou, nunha liña de harmónicos moi haydinianos, a única e exitosísima edición do Primeiro Festival da Cántiga Tabernaria. Argallárase aínda na posíbel remodelaxe do evento cara a un Symposium pro Canticum ad Tabernam, cun pendor decididamente carminaburanesco. Do que é mal, a idea nunca pasou de proxecto.

 

Dende as primeiras xuntanzas da AGG, Mallo ergue detalladas actas dos temas tratados, xérmolos dos que nace en 1982 a revista Guitarra-Vihuela-Laúde (GVL), de intención trimestral, pero que diversos atrancos económicos fan de periodicidade máis irregular e que desaparece en 1984 logo de saíren do prelo seis números de calidade claramente crecente. Aínda a Xunta de Galiza rematando por conceder o apoio finenceiro que se lle solicitara con teimosía, a axuda chegou tarde, cando pairaba xa un certo desencanto na atmosfera da precaria redacción. A sua breve vida non lle impedíu, porén, unha distribución notábel (o último número chegou aos 2.000 exemplares) e unha difusión internacional que surprendeu mesmo os máis optimistas prognósticos.

 

Cunha serie de seccións fixas (Historia da guitarra, Museu, Poesía, Iconografía, Harmonía en guitarra de jazz, Sociedades e revistas guitarrísticas, Biografías e entrevistas, Guitarristas galegos, O compositor e a sua obra, Artigos, Métodos de guitarra, Pezas musicais, Biblio-disco-hemerografía, Cursos e concursos, Novas, O voceiro da AGG, Anuncios por palabras), apenas é preciso sinalar que, cando Mallo estimaba que o número non era todo o comprido que debería, engadía dous ou tres artigos da súa propria colleita. Aínda nestes casos adoitando asinar con pseudónimos, a mixiriqueira erudición que zumegaba dos textos facía inequívoca a autoría. Por dar unha idea do papel de Mallo nestas angueiras, compre dicir que ao pé da metade dos textos conceptuais de GVL foron obra exclusiva del, que ocultaba púdicamente o seu protagonismo mesmo permitindo que algúns escritos onde a sua contribución fora esencial apareceran asinados en solitario polos coautores.

 

O certo, porén, é que en GVL colaboraron non só xentes galegas, senon tamén do resto do estado, así como de Alemania, Italia, Hungría, Arxentina, Perú, Porto Rico e Sudáfrica, lugares todos eles onde existían subscriptores. De feito, é obrigado lembrar que –coa única excepción de Cataluña, de onde procedía cáseque a metade dos subscriptores do estado– GVL foi máis aprezada fóra de España do que dentro. José de Azpiazu (o creador da coñecida biblioteca guitarrística) saudou con emocionado entusiasmo a aparición da revista, na que publicou algunha transcripción inédita da sua autoría, e entre as curiosidades que cabe atopar nas suas páxinas salienta un singular cruce de cartas abertas entre Mallo e Angelo Gilardino, nas que espella de maneira chocante o vello debate acerca do ilusorio carácter semántico da música. De maneira paralela, ben que en edicións independentes, a AGG publicou tamén duas breves monografías: unha acerca de Alonso de Mudarra e outra en lembranza de Tino Prados, guitarrista que, en Lugo, desempeñara un papel seminal en certa maneira semellante ao de Mallo en Vigo.

 

Mediada a década de 1980 comeza o declinio da AGG, propiciado se cadra por un grupo de profisionais que, malia térense valido da Agrupación como plataforma, contribuíron á sua minimización, acaso levados por un mal entendemento da competitividade. Mallo, ben que doído pola decadencia da obra á que dera o seu azo imprescindíbel (sempre puxo a sua casa ao dispor da Agrupación, e ésta non se molestou nunca en se procurar outra sé), prosegue rexo a sua actividade didáctica na xa citada Escola Aberta de Música, da rúa do Príncipe. Como concertista actúa na Sáa Carral, no Círculo Mercantil, nos Ciclos da Guitarra e nos Festivais Musicais de Vran Cidade de Vigo que organiza Xuventudes Musicais, así como nos Ciclos de Intérpretes Galegos que sostén a Xunta de Galiza (xa en calidade de solista, xa formando dúo con frautistas como Enrique Melio ou Miguel de Santiago). Asimesmo continúa cultivando o xénero da conferencia-concerto que, ilustrado cunha abundante e ben seleccionada iconografía, leva a numerosas sociedades culturais. Segue emprestando con regularidade a sua colaboración ás actividades do Teatro Popular Keyzán e participa asiduamente nos Cursos de Guitarra da escola que en Porto organiza Litó Godinho, na revista da cal publica varios artigos acerca da historia do instrumento.

 

Consoante escoa a década de 1990, vai abandonando progresivamente a sua actividade como intérprete. No seu refuxoiro da rúa de Romil, do que se alonxa só para acudir á tertulia do Cabalo roxo, que frecuentaba dende había máis dunha década, imparte clases, lé tan incansábelmente coma sempre, remexe na sua importante e heteróclita biblioteca e pon en orde, dándolle forma de libro, os seus copiosos apuntes acerca da historia da guitarra. Aqueixado básicamente de esgotamento vital, o seu pasamento acontece, en silencio, a pouco máis dun mes do seu ingreso nunha residencia arousana para xubilados. Un desafortunado desleixo familiar conducíu á perda irreparábel do seu fundo instrumental –con algunhas pezas valiosas–, así como da meirande parte da biblioteca, hemeroteca, partiteca e documentación de variadísima natureza entre as que o noso guitarrista tanto deixara buligado.

Vigo. Xaneiro, 2004

Dados de: M. Anxo Murado García